No día de hoxe o sol apreta xa as 9.45 h. da mañá. Tomei a saída cara o río Tambre, ruta apta tamén para sendeiristas, pasando pola aldea da Pastoriza e do Castro e cruzando o río pola ponte colgante.
O encoro do río é un remanso de paz, o silencio é o mellor compañeiro, os raios de "lorenzo" inciden nos brotes dos ameneiros, dos carballos e dos castaños, e é que a primaveira xa está a carón da porta. Dende aquí tomei a ascensión que leva ó Miradoiro do Castelo, concello de Outes, unha ascensión curta de 4,5 kilómetros pero que te deixa sen folgos, só tendes que verme a cara.
Pero o esforzo ten o seu "aquel" (serve pra todo). A tan só 190 metros do Miradoiro pódese achegar un ata a "PEDRA SERPAL", unha enorme rocha dende a que se pode contempla-la vista máis fermosa que hai da ría Noia-Muros. Permíteche ver na súa totalidade o encoro das marismas do Tambre desembocando na entrada da ría. O Leste témolo dominado polos cumios do Monte Culou e Monte Muralla. Ó Sur, o Monte Iroite, San Lois e Louro son os fortíns que defenden a entrada da ría, e polo Oeste o Monte Tremuzo cos seus muíños do vento que non paran de xirar e xirar (imaxínome a D. Quixote asaltando estes muíños a pé, porque o seu Rocinante nin de coña sería capaz de chegar ata alí). Nestres intres o meu desexo é o de convertirse en miñato por un intre e voar sobre esta belísima paisaxe cara ó mar. Fermosa postal para este día que parece xa de verán, máis o que ten aínda que chover, chover, ....
Anímovos a facer esta ruta.
Firmado: Hutchinson