2.4.12

UNHA DE INCENDIOS

DESOLACIÓN
No que vai de ano, xa levamos o 80 % dos incendios de tódo-los ocorridos no 2008. ATERRADOR. Así o lín na nosa prensa recentemente. Uns dirán que é pola sequía. Outros porque os montes non se limpan (xa non te deixan nin coller piñas). Eu digo que a maioría é polos que están ahí, a espera, os chamados "asasinos do monte". Uns por un problema co veciño, outros para elimina-la maleza, e os peores porque atopan un determinado interés no lume. Ano tras ano, mes tras mes, conselleiro tras conselleiro, pero eles seguen ahí, prendendo no norte e no sur. Dalles igual Galicia.
Fai pouco foi o PARQUE DO XURÉS, en Ourense. Esta semán choran as FRAGAS DO EUME porque non poden soporta-la miseria moral dos asasinos do monte, e chora Galicia. O lume queimou xa 750 hectáreas dun dos parques naturais de maior valor ecolóxico de Europa. Que o lume se orixinara un Sábado as tres da tarde e en tres focos distintos simultáneamente, demostra a súa intencionalidade. 100 veciños desaloxados das súas casas. Noite de pesadelo.Teño amigos persoais que viven na "Capela", a carón das Fragas e as súas bágoas son as miñas.Carballos centenarios pasto das lapas. A súa voracidade é tal que se calcula que se tardarán días en apagalo por completo. ¿Mañán que será? ¿Cántos da miña xeración terán pasado a súa infancia durante o verán neste bosque sacro de deuses mitolóxicos?
Coñezo as FRAGAS coas súas numerosas rutas de sendeirismo, e o mesmo ca Taramundi e o Val dos Oscos da nosa veciña Asturias, cando se anda polos seus camiños só se entende que existen recunchos que son un refuxio para a alma, e entón o maior agasallo é o de contar coa gran sorte de poder ser da aldea, ese lugar donde a sensación de atoparse e compartir cos veciños é impagable. Neniñooo! -bérranche-, e sorrín. Fálanche dende o corazón, cos brazos abertos, coma cando tiña poucos anos. Os seus peores recordos tan só aparecen cando as campás tocan a morto. E a incendio. Darían media vida por salvar os seus montes. Eu teño estado no monte aterrado ollando dende a miña "biker" como as lapas do lume debuxaban as copas dos piñeiros. Atérrame a maldade da xente que prende lume na terra que nos dá de comer, sen piedade. Hoxe cheira novamente a incendio. E por riba, non sabemos organizarnos. Perdemos a esencia da aldea, ¡Qué mágoa...!. Non coidamos dos nosos montes e dos nosos ríos. Somos auga, somos terra. Non tomamos conciencia do que estamos perdendo. Non se pode ver o último raio do sol, con tanto fume. Calquera día non nos espera un seguinte solpor.
Publicado: Hutchinson