A ruta do río Vilacoba atópase na súa integridade no concello de Lousame, nunha atalaia sobre a ría de Muros e Noia, no camiño desta última vila polas terras de San Xusto de camiño a Compostela.
Comezamos en Porto Bravo, principal núcleo deste concello, situado mesmo a beiriña de Noia, se collemos a antiga estrada que une Noia con Padrón, a escasos dous kilómetros de partir e pouco despois de pasar unha ponte sobre o río que nos convida, atoparemos a marxe esquerda un camiño que leva a un merendeiro a veira do río, aquí comezaremos a nosa andaina.
Camiñar a carón dun río no mes de Xaneiro pode carrexar sentimentos que de seguro non han deixar indiferente a ninguén. Para comezar, ven a cabeza frío e humidade nesta época do ano, e para esta ocasión non había ser doutro xeito. O problema do frío non tardou en ir esquecendo a cada paso que dábamos. En canto a humidade, esta acompañounos o longo de toda a xornada, froito dunha semana de choivas, mais en todo o día, que non parecía de xaneiro, xa que non albiscaríamos nube ningunha.
A ruta discorre por un carreiro a carón do río, que naquel día estaba bastante esvaradío, camiñando a contracorrente pola marxe dereita do río. A paisaxe é esa postal que imaxinas cando falas de fragas e trasnos, e te deixas levar polo maxín.
Muíños, saltos de auga continuos, e sobre todo unha peculiaridade desta ruta son os restos de antigas edificacións pertencentes a papeleiras que noutrora foron o motor da economía da zona, como mostra e nada máis empezar a andaina a antiga papeleira de Brandía, sita na actualidade preto de Santiago.
Camiñamos baixo o estrondo constante do río, que de cando en vez nos deixaba remansos de paz, dignos dun retiro idílico. Cando xa levábamos andado ben dúas horas, pasámola papeleira de "Soutorredondo" para posteriormente cruzar o río pola ponte da estrada que leva a aldea de Horta. A partires de aí deixámolo río Vilacoba para subir polos camiños que levan a aldea de Lesende onde pudemos atopar un petroglifo. Neste punto e como xa levábamos case tres horas de percorrido, decidimos abandonar a ruta orixinal e camiñar pola pista forestal que leva cara a casa de Cabanetán e o merendeiro que alí se atopa. Nese punto volvemos a incorporarnos a nosa ruta, se ben agora a faríamos en sentido contrario o marcado, seguindo o curso do río San Xusto.
Neste novo río atopamos a "Ponte da Fraga", pola que transcorría a antiga calzada medieval que seguía ata Compostela. Esta ponte está no medio dunha fraga que parece pertencer a outro tempo e na que un se sinte un privilexiado ó poder estar alí.
De alí a un pouco puxemos fin a esta xornada de "enriquecemento espiritual" o chegar o "Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos" na aldea do mesmo nome, para coller rumbo, agora xa en transporte motorizado, cara outra aventura que nos esperaba: un bo cocido nas portas do Antroido, que o traballo ben feito o merecía.
Firmado: Clint
Firmado: Clint
